Friday 17 de May de 2024

A Xunta fomenta o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade no rural a través da introducción de novos cultivos


A iniciativa, que reuniu a 50 mozos e mozas, xirou en torno ao emprendemento, á posta en valor de novas figuras profesionais e á creación dun diálogo entre a xuventude e os axentes económicos do seu territorio

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou no encontro sectorial ‘Novos cultivos de viabilidade no medio rural’ que reuniu a 50 mozos e mozas no Espazo Xove de Betanzos. Esta iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Política social e que se enmarca no proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo’ (Lidera), busca impulsar o emprendemento xuvenil e a achega de información sobre novas oportunidades nas áreas rurais.

Desta maneira, no transcurso deste encontro analizouse o emprendemento xuvenil a través de novos cultivos no medio rural, tales como a quinoa, pistacheiro, kale, froitas do bosque, bimi, kai-lan, cáñamo industrial e o lúpulo. Salientouse tamén a posta en valor de novas figuras profesionais como posible saída laboral da mocidade, déronse a coñecer diversidade de ferramentas para que os mozos e mozas adquiran habilidades que axuden ao seu desenvolvemento e sentáronse as bases para o establecemento dunha dinámica de diálogo entre a mocidade e os axentes económicos do territorio, coa finalidade de impulsar novas oportunidades de colaboración e mentoring.

Cecilia Vázquez sinalou que neste encontro “ponse de manifesto a diversificación económica do medio rural, cunha tendencia cara a pluriactividade e a multifuncionalidade”. Así, destacou que as contornas rurais “ofrecen múltiples alternativas e posibilidades susceptibles de posta en valor”, por iso, manifestou que cómpre informar aos mozos e mozas sobre o rural “como alternativa para o desenvolvemento das súas vidas profesionais e persoais”. Ademais apuntou que este tipo de iniciativas “son unha aposta por un rural vivo e produtivo” e recoñeceu o seu compoñente persoal pola súa aposta pola innovación desde o respecto pola tradición.

Estes encontros sectoriais enmárcanse no proxecto LIDERA, aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014- 2020 (POCTEP) e, dentro do proxecto del, forma parte da actividade “Crece” que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede, no que se involucren os distintos actores e reactivos do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto.

Pola súa parte, o Espazo Xove de Betanzos ao abeiro do referido programa LIDERA tamén é un Espazo Emprende onde os mozos e mozas poderán impulsar os seus proxectos de emprendemento a través do coworking. Nestas instalacións, os usuarios dispoñen tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas. Así neste senso, o vindeiro 3 de decembro poderán participar na sesión de coaching que descorrerá neste espazo

Proxecto Lidera
O proxecto Lidera ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros cunha cofinanciación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega) o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.